A pandemia deixa pegada nos temas das investigacións do Pontenciencia 2021

PONTEVEDRA> A pandemia deixou a súa pegada no Pontenciencia 2021. Na edición deste ano, a análise da presenza de microorganismos no aire centra gran parte dos proxectos de investigación que participan na convocatoria de premios que fai este programa. Participaron máis de 700 estudantes, e os gañadores coñecerémolos nun acto que se celebrará o sábado 5 de xuño na Escola de Forestais do campus de Pontevedra.

Hai xa oito anos que o Pontenciencia naceu para transmitir aos alumnos a importancia de investigar e ter unha mente aberta á hora de observar o mundo. O programa foi xerminando con potencia e agora é un dos buques insignias do concello de Pontevedra, e un referente fóra do municipio.

Máis de 700 estudantes pontevedreses presentaron proxectos de investigación no marco do Pontenciencia 2021. A pandemia non marcou só a programación desta iniciativa; tamén o contido das investigacións presentadas.

A pandemia obrigou a mudar a mecánica dos premios. Os alumnos non exporán as súas investigacións na Escola de Forestais do campus de Pontevedra. Serán os membros do xurado os que percorran os centros para avaliar as súas investigacións.

Na edición deste ano participaron 17 colexios de primaria, 22 centros de FP e institutos e 8 familias, que peresentaron 47 investigacións científicas. O día 5 nun acto que se celebrará na Escola de Forestais daranse a coñecer os gañadores. Haberá cinco premios de 300 euros para os mellores proxectos.