PONTEVEDRA> O presidente do Colexio de Médicos de Pontevedra deixa o seu cargo como presidente do Consello Galego de Colexios de Médicos. Isidro Lago anunciou hoxe a súa decisión, enmarcada nos desencontros que o órgano pontevedrés mantén coa Consellería de Sanidade. Recordemos que o colexio de Pontevedra mantén rotas as relacións co departamento de Julio García Comesaña.
O presidente do Colexio de Médicos de Pontevedra dimite como presidente do Consello Galego de Colexios Médicos. Segundo explicou Isidro Lago, a decisión enmárcase nas tensións entre o órgano pontevedrés e a Consellería de Sanidade.
A tensión entre as dúas partes empeorou trala reunión entre o Consello Galego de Colexios Médicos e o presidente da Xunta acompañado polo conselleiro o 29 de novembro. O 21 de decembro o Pleno da Xunta Directiva do Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra ratificaba por unanimidade a decisión de manter rotas as relacións co departamento de Julio Comesaña.
Lago insistiu en que neste encontro o Consello Galego non reclamou o peche dalgúns puntos de atención continuada, como asegurou o conselleiro na rolda de prensa posterior. Tamén criticou a pouca claridade de Sanidade sobre as competencias médicas.
Así as cousas, dende o Colexio de Médicos de Pontevedra aseguran que as relacións continúan abertas cos xestores das áreas sanitarias da provincia.