Domínguez suspende a xestión do goberno de Fernández Lores no ecuador do seu sexto mandato

PONTEVEDRA> O Partido Popular de Pontevedra suspende a xestión do goberno local. A formación fixo hoxe balance do que levamos de mandato; dous anos claramente marcados pola pandemia. Rafa Domínguez criticou duramente o comportamento do executivo e do alcalde durante os peores momentos da covid19. Acusounos, ademais, de mentir á cidadanía.

Hai dous anos que o alcalde de Pontevedra comezaba o que é o seu sexto mandato no concello. Cando chegamos ao ecuador, o Partido Popular suspende a xestión do seu equipo neste tempo, marco sobre todo pola pandemia.

Para Rafa Domínguez, o goberno é incapaz de executar as súas medidas económicas, sen que neste tempo houbera tampouco avances no deseño do transporte a demanda nin un plan integral para as parroquias. Tamén critica que non haxa grandes obras en marcha.

O voceiro popular acusou a Fernández Lores e ao seu equipo de mentir á veciñanza. Non só no marco da polémica sobre a licenza de primeira ocupación da vivenda do rexedor, senon tamén na xestión que fixeron da peonalización da avenida Raíña Vitoria.

Os populares levarán ao pleno do vindeiro día 21 unha moción para reclamar a súa reapertura ao tráfico.

En canto aos contratos que segundo os populares o BNG xestionou de forma irregular, Domínguez non quixo concretar cales serán os que denuncien. Si explicou que os levarán ante á xustiza mediante un escrito a Fiscalía.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí