Pablo Casas, irmán dun residente de Santa María: ‘O luns dixéronme que o centro pechaba esta semana. Tocou buscarse a vida’

PONTEVEDRA> Os últimos residentes do Hestia Santa María, en Pontevedra, están a abandonar o centro. A principios desta semana a Xunta comunicaba a retirada da acreditación que lles permitía funcionar como centro sociosanitario, dando tan só uns días para acomodar os pacientes antes do seu peche. A Jorge Eduardo Casas, un dos residentes máis antigos de Santa María, non lle deron ningunha alternativa nun centro público. Hoxe estivemos con el e coa súa familia.

O luns desta semana unha simple chamada revolucionaba a vida de Pablo Casas.

El é irmán e titor legal de Jorge Eduardo Casas, un dos pacientes máis antigos da residencia Santa María. Ingresou no centro tras sufrir un accidente de tráfico. Agora ten 42 anos, e leva 20 vivindo no sanatorio.

Jorge Eduardo e a súa familia son de Pontevedra. Isto, unido ás propias características da cidade, axudaban a facerlle a vida máis cómoda.

Pablo explica que en Hestia Santa María xa lle dixeran que o centro pecharía para trasladarse a outro que a empresa ten en Vigo. Falábase do mes de marzo do vindeiro ano, e nada facía pensar que o peche sería tan precipitado. Dende a Xunta tampouco lle deron ningunha alternativa nun centro público.

Será temporal, porque a súa familia xa busca un novo centro adaptado ás súas necesidades e cunha praza pública, xa que cumpre todos os requisitos obrigatorios para que lla concedan.

Pablo Casas só ten palabras de agradecemento polo esforzo dos asistentes sociais para solucionar definitivamente o problema. Emocionado, non sabe como seu irmán vai adaptarse á nova situación. Mentres este mediodía Jorge Eduardo despedíase acompañado da súa familia do que foi o seu fogar nos últimos 20 anos.