Unha inspección técnica específica analiza o estado das pasarelas de madeira da Illa do Covo

PONTEVEDRA> Unha inspección técnica aclarará o estado e, polo tanto, o futuro das pasarelas peonís de madeira da Illa do Covo, en Pontevedra. O concello avanza nestes traballos que determinarán os métodos de reparación destas estruturas, que permanecen pechadas ao paso dende a Semana Santa por motivos de seguridade. Polo de momento non hai data para a súa reapertura aínda que o concello intentará acurtar os prazos ao máximo.

Unha inspección técnica en profundidade determinará o estado real das pasarelas peonís de madeira da Illa do Covo. Tras unha primeira revisión na que se detectou presenza de fungos de pudrición, o concello puxo en marcha esta actuación para un estudo máis detallado.

Con estes datos, a empresa elaborará un informe de resultados. Ademais de estudar o presente destas pasarelas, analizando o alcance dos danos, determinará tamén o seu futuro, propoñendo os métodos de reparación.

Mentres non se coñece a conclusión do informe, as pasarelas continuarán pechadas. Levan así dende Semana Santa e, aínda que o concello intentará acurtar os prazos, non hai data para que volvan estar en uso.

Esta actuación foi adxudicada por un importe de case 2.400 euros. A revisión na Illa do Covo enmárcase dentro dun macroestudo xeral encargado polo concello de Pontevedra, valorado en preto de 300.000 euros, para avaliar a seguridade de preto de 700 estruturas de todo o municipio, incluíndo pontes, viadutos, pasarelas, torretas e aparcadoiros.