Catro dos sete concellos galegos no nivel alto de restricións son do Salnés

GALICIA> A Illa de Arousa, Cambados, Vilagarcía e Vilanova manteranse alomenos unha semana máis no nivel alto de restricións. Así o decidiu onte o comité clínico polo incremento de casos que están a rexistrar estes municipios. Ademais preocupa especialmente a situación en Poio e Sanxenxo. Aínda que quedan no nivel medio, estarán sometidos a unha vixilancia especial.

Catro dos sete concellos de toda Galicia que están no nivel alto de restricións son da comarca do Salnés. A Illa de Arousa, Cambados, Vilagarcía e Vilanova manteranse con estas limitacións polo incremento dos contaxios das últimas semanas.

A pesares das protestas dos gobernos destes municipios e do sector da hostalería, seguirán alomenos unha semana máis coas limitacións. O interior de bares e restaurantes estará pechado e as terrazas a un 50% da súa capacidade.

Ademais preocupa especialmente a situación en Poio e Sanxenxo. Aínda que quedan no nivel medio, estarán sometidos a unha vixilancia especial.

As restricións chegan ao Barbanza. Porto do Son, A Pobra e Boiro pasarán ao nivel medio, onde continúan Pontevedra e Caldas. Neles, a hostalería estará limitada ao 30% no interior e ao 50% en terraza.

O anuncio feito hoxe polo Conselleiro de Sanidade responde xa aos axustes nas incidencias e nos niveis de restricións acordados onte no comité clínico. Uns cambios cos que buscan adaptarse á realidade epidemiolóxica actual, e que poderán mudar a diario.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí