PONTEVEDRA> Pontevedra leva o modelo urbano do centro da cidade ao barrio de Monteporreiro. O concello proxecta unha ambiciosa actuación que inclúe a peonalización da rúa Alemaña e a construción dunha gran praza central do tamaño da Ferrería. A intervención comezará despois do verán e conta cun orzamento dun millón de euros.
Despois do verán o concello de Pontevedra revolucionará o barrio de Monteporreiro. O goberno local contempla a construción dunha gran praza central no barrio. Un espazo do tamaño da Praza da Ferrería, duns 2.000 metros cadrados.
A praza instalarase na rúa Alemaña, entre as rúas Grecia e Portugal, mellorando a seguridade viaria da contorna.
O proxecto conta cun orzamento de case un millón de euros. A construción deste espazo irá acompañada da reforma integral da rúa Alemaña, que pasará a ser peonil.
Tamén se actuará na rúa Grecia. Aquí habilitarase un paso de circulación para os vehículos nun único sentido, dende a ponte de Lérez a Mourente. No final da rúa, os coches terán que xirar cara a rúa Italia.
A actuación suporá importantes cambios no tráfico. A rúa Alemaña deixará de ser vial de acceso ao barrio. O tráfico de paso eliminarase do centro de Monteporreiro, desviándose polas rúas de Holanda e Dinamarca, que pasarán a ser de dobre sentido.
Dende o concello explican que se trata dun proxecto inicial, aberto a suxerencias dos veciños.