Pontevedra programa catorce propostas con actividades diarias para a antesala das Festas da Peregrina

PONTEVEDRA> Pontevedra vai desvelando pouco a pouco a que será a súa programación festiva do verán. A concelleira de Festas presentou esta mañá a programación do mes de xullo de da primeira  semana de agosto. Neste tempo o concello aposta por catorce programas lúdicos e culturais, con oferta para todos os públicos. Tamén repite a fórmula que aplica en xuño, levando as actividades a diferentes partes da cidade.

Xa coa programación de verán en marcha, o mes de xullo non podía ser unha excepción en Pontevedra. Ata catorce propostas diferentes englobarán centenares de actividades que encherán a cidade de diversión e cultura a diario.

O concello repite fórmula, e as actividades repartiranse en diferentes escenarios por toda a cidade. Unha das novidades chega da man do cinema. O festival Ambienta celebrarase entre o 2 e o 7 de xullo na Praza da Pedreira, e busca ser o xermolo dunha proposta máis ambiciosa.

As mulleres terán tamén o seu peso específico dentro da programación deste tempo de verán. Será no ciclo “Con voz de muller”, con teatro e actuacións musicais.

Durante nove días o humor chegará coa proposta “Vai de monólogos”. Tamén haberá maxia no marco de ‘Ponteilusión’ e música coas actividades de “Cabaré, Cabaré”.

Outras citas tradicionais do verán pontevedrés, como San Bieito e Santiaguiño do Burgo estarán incluídas na programación pero cun formato moi semellante ao do ano pasado, evitando as celebracións multitudinarias.