O Concello de Pontevedra destinará 1,2 millóns de euros para axudar aos autónomos e micropemes

PONTEVEDRA> O Concello de Pontevedra aprobou esta mañá en Xunta de Goberno a concesión dunha subvención para autónomos e micropemes. En total, 1 millón 250 mil euros que estarán destinados á reactivación económica da cidade tras a crise do coronavirus.

O Concello de Pontevedra lanzará unha liña de subvencións para os autónomos e micropemes valorada en 1 millón 250 mil euros. O obxectivo, complementar as axudas facilitadas por outras administracións e apostar polo futuro.

Estas subvencións estarán dirixidas a todos aqueles empresarios que, tras a crise do coronavirus, queiran apostar por modernizar os seus negocios e adaptalos aos novos tempos. As axudas serán destinadas ás actuacións feitas dende o 14 de marzo ata o 30 de decembro.

Esta liña de subvencións non é unha medida illada, senón que forma parte dun paquete de medidas que o goberno municipal quere levar a cabo co obxectivo de reactivar a economía local.

A intención do goberno municipal é sacar esta liña de subvencións canto antes e adxudicar estas axudas antes de que remate o ano.