Pontevedra contará cun orzamento de case 86 millóns de euros para o 2022

PONTEVEDRA> Case 86 millóns de euros para o 2022. Este é o orzamento que presentou o concello de Pontevedra para o vindeiro ano. Trátase das contas máis altas ata o de agora, superando nun 6,4% as do ano pasado. Segundo explicou hoxe o alcalde, son expansivas, céntranse na mellora dos servizos e fan un importante esforzo investidor, ata os 12 millóns de euros. A intención é ter o orzamento aprobado en xaneiro.

Uns orzamentos expansivos que buscan mellorar os servizos en Pontevedra. Así definen dende o goberno local as contas para o vindeiro 2022, que estarán dotadas de case 86 millóns de euros. Esta contía irá aumentando, grazas aos remanentes deste ano, aos 14 millóns pendentes dos investimentos do contrato da auga e aos fondos europeos que agarda conseguir o concello.

A partida máis elevada do orzamento será a do novo contrato de lixo e limpeza urbana. Superará os 12 millóns de euros, contando coa limpeza dos centros educativos, e que aposta pola compostaxe e a recollida selectiva.

Tamén se incrementará a partida dos servizos sociais, medrando ata nun 53% a destinada ao servizo de axuda no fogar. En canto aos investimentos, están previstos 12 millóns de euros e o concello xa plantexa varias obras: a reforma da rúa Santiña, de Pastor Díaz ou a da rúa Peregrina e da praza.

Ademais, un ano máis non haberá suba de impostos e taxas.

A pesares disto, os ingresos medran en 5 millóns de euros polo aumento de transferencias do Estado e da Deputación. Tamén polo crédito de 750.000 euros, deixando a débeda viva en 7,9 millóns.

Tanto Lores como Fernández destacaron que os orzamentos son froito dun goberno cohesionado.

A intención do executivo local é aprobar as contas para o 2022 no mes de xaneiro.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí