Luz verde á construción da rotonda da Barquiña en Noia

NOIA> A Xunta autorizou as expropiacións para executar a rotonda no cruce da Barquina en Noia. Con esta actuación, que suporá un investimento de máis dun millón de euros, eliminarase un punto de concentración de accidentes na estrada AC-550.

Trala autorización das expropiacións que dispón a urxente ocupación dos terreos, a Xunta agarda poder licitar as obras durante o primeiro semestre de 2022. A actuación consistirá na execución dunha glorieta na estrada AC-550 á altura do cruce da Barquiña e o acondicionamento da travesía no treito que discorre ata a alameda coa renovación de beirarrúas, a dotación dun itinerario peonil e a creación de parazas de estacionamento nunha das marxes.

Se a tramitación avanza segundo o previsto as obras iniciaranse no segundo semestre do próximo ano e estarán concluídas nun prazo de seis meses. A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade destina a esta actuación 1,15 millóns de euros, orzamento no que se inclúe tamén o pago dos dous predios necesarios para levar a cabo estas actuacións.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí