RIBEIRA> Os gañadores dos concursos de decoración de Nadal organizados polo concello de Ribeira recolleron hoxe os seus premios. Desenvolvéronse tres modalidades: escaparatismo, hostalería e ornamentación de fachadas, balcóns e xardíns.
O salón de plenos do concello de Ribeira acolleu a entrega de premios ós gañadores dos concursos de decoración de Nadal. Distinguíronse ós tres primeiros clasificados en cada categoría. No que respecta a escaparatismo, os gañadores foron a Floristería Floristerrae, a tenda de moda infantil Cukos e o establecemento de alimentación A Tenda de San Martiño.
Na decoración de locais hostaleiros, a pizzería D, Vicio volveu revalidar o primeiro posto, seguido de El Cubano Burguer que se presentaba por primeira vez e a vinoteca Abuela Gloria, en terceiro lugar.
Tamén obtiveron o seu premio tres veciños pola decoración das súas fachadas e balcóns durante as festas. A gañadora foi a aguiñense Manuela Domínguez, co proxecto ‘Xa é Navidad’ mentres que os adornos de “Manualidades con Lana para Navidad” colocado en Abesadas, e “Veciños Navideños” da Rúa Canarias, quedaron en segundo e terceiro posto.
Dende o concello agradeceron a implicación de tódolos participantes que contribuíron a facer de Ribeira un pobo máis fermoso este Nadal. Animaron tamén a toda a cidadanía a seguir participando en vindeiras edicións.