A máscara en exteriores deixará de ser obrigatoria dende este xoves

PONTEVEDRA> A partir deste xoves a máscara deixará de ser obrigatoria en exteriores. Só haberá que usala en eventos multitudinarios. No caso de aglomeracións, como na rúa, o uso do cubrebocas pasa a ser unha recomendación. A medida aprobarase mañá no Consello de Ministros.

Esta é a imaxe habitual dende hai xa moito tempo nas rúas de calquera cidade ou vila. Pero a partir deste xoves a estampa pode mudar. O uso da máscara deixará de ser obrigatorio no exterior. En Pontevedra hoxe quen máis e quen menos celebraba a decisión.

O Ministerio de Sanidade acordouno coas comunidades autónomas hoxe mesmo. A decisión será aprobada mañá polo Consello de Ministros e sairá publicada o mércores no BOE para que poida entrar en vigor o xoves. Manterase como obrigatoria ao aire libre só en eventos multitudinarios, sempre que as persoas estean de pé e se non se pode manter un metro e medio de distancia naqueles eventos co público sentado. Deixa como ‘recomendación’ o seu uso no caso de aglomeracións urbanas. Neste caso parece que o máis lóxico é aplica-lo sentido común.

A máscara volveu ser obrigatoria na rúa a finais do mes de decembro, en pleno incremento dos casos de coronavirus en todo o Estado. Agora, mes e medio despois, deixará de selo, baseándose na mellora de tódolos indicadores epidemiolóxicos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí