PONTEVEDRA> O Partido Socialista esixe á Deputación de Pontevedra que complete todo o trazado da Vía Verde das Rías Baixas. Os socialistas advirten de que os plans do goberno provincial pasan por afrontar unicamente o treito entre Pontevedra e Arcade, deixando de lado os comprendidos entre Portas e Pontevedra e Arcade e Chapela. Actuacións que permitirían completar un percorrido de case 60 quilómetros entre O Salnés e Vigo. O PSOE pontevedrés levará esta cuestión ao vindeiro pleno municipal.
Que a Deputación de Pontevedra reactive os tres treitos pendentes para completar a Vía Verde das Rías Baixas. É a intención do Partido Socialista pontevedrés coa moción que levará ao vindeiro pleno.
Os socialistas celebran que a administración provincial estea a traballar no treito Pontevedra-Arcade, que suporía habilitar 14 quilómetros de senda ciclista e peonil. Pero advirten de que están a deixar de lado os que unen Portas e Pontevedra, de 15 quilómetros, e Arcade e Chapela, de 16.
Puentes recordou que o treito entre Portas e Pontevedra é o máis avanzado. No anterior mandato cos socialistas no goberno do concello, realizouse unha proposta de trazado, e conseguiuse a disposición dos concellos implicados e o apoio da Fundación dos Ferrocarrís. Tamén destacou que os terreos estarían dispoñibles para esta actuación.
En canto ao treito entre Arcade e Chapela, Puentes sinalou que se trata do máis atrasado xa que a día de hoxe non conta cunha proposta definida.











