BOIRO> A Deputación da Coruña destina máis de 100 mil euros ó POS Social do concello de Boiro. Esta achega permitirá contratar un educador social e un psicólogo que prestarán apoio psicolóxico gratuíto á mocidade.
Co achega de 111 mil euros que lle corresponde no marco do Plan Social, o concello de Boiro acometerá o reforzo dos servizos técnicos coa contratación dun educador social e dun psicólogo. Esta ampliación de persoal permitirá ofrecer un servizo psicolóxico gratuíto, dirixido especialmente a mozos.
Tamén se ampliará a partida de emerxencia social para curbir as necesidades básicas das persoas con menos recursos como vivenda, luz ou gastos médicos e farmacéuticos. Aumentaranse os fondos para os servizos complementarios dos usuarios do SAF como rehabilitación, fisioterapia ou perruquería e adquiriranse novos equipamentos para as persoas con mobilidade reducida. Retomarase ademais o programa iniciado o pasado ano de respiros de conciliación para as familias con persoas dependentes.
O alcalde de Boiro destacou o incremento do investimento nos últimos anos en materia social que paso de 1’1 a 1’7 millóns ós que se vén sumar esta partida da Deputación. Romero incidiu ademais no gran traballo realizado polo departamento de servizos sociais en colaboración con outras entidades como a Cruz Vermella e Cáritas.