O Náutico de Portosín e o Liceo Marítimo de Bouzas selan o seu irmandamento

PORTO DO SON> O Real Club Náutico de Portosín e o Liceo Marítimo de Bouzas asinaron un pacto de irmandamento. O obxectivo deste convenio é a realización de acción sociais e deportivas conxuntas. Ademais os socios de ámbalas dúas entidades beneficiaranse d eimportantes descontos nas tarifas de amarre e servizos que prestan os dous clubs.

O Club Náutico de Portosín acolleu o acto de sinatura do convenio para o irmandamento desta entidade co Liceo Marítimo de Bouzas. Ámbolos dous clubs inician así un camiño conxunto no que intercambiarán accións sociais e deportivas. O acordo foi suscrito a pasada tarde entre os presidentes de ámbalas dúas entidades ante numerosos representantes das súas xuntas directivas.

Ademais da organización de actividades conxuntas, a posta en marcha deste acordo supón que as dúas sociedades disfrutarán do uso das instalacións nas mesmas condicións que os seus respectivos socios, ós que se lles aplicarán tamén descontos nos servizos que ofrecen os dous clubs.