CAMBADOS> Bodegas Martín Códax, premio honorífico da Asociación de Jóvenes Empresarios de Pontevedra. A decisión deuse a coñecer esta mañá, nun acto na adega cambadesa. Con este título, AJE recoñece o papel da cooperativa no tecido socioeconómico da provincia, sinalándoa como un exemplo de modelo cooperativo para as novas xeracións de emprendedores.
A adega cambadesa Martín Códax recollerá este ano o premio honorífico da Asociación de Jóvenes Empresarios de Pontevedra. Un título co que AJE quere recoñecer o seu papel no tecido socioeconómico, contribuíndo a fixar poboación no rural.
Coa escolla de Martín Códax, a asociación busca tamén poñer o foco sobre as posibilidades que ofrece o modelo cooperativo á hora de emprender.
Tamén chamaron a atención de AJE as prácticas en materia de igualdade que se aplican dende Martín Códax. Unha aposta que lle valeu outro recoñecemento co gallo do Día Europeo da Igualdade Salarial.
Xoán Allegue explicou ademais que a cooperativa se mantén fiel aos principios que marcaron a aposta dos socios fundadores, levando a innovación no ADN da adega e nas novas xeracións que actualmente están a tomar o relevo.
Bodegas Martín Códax recollerá o seu premio honorífico o vindeiro 10 de marzo na gala da vixésimo quinta edición Premios Xove Empresario do Ano, que por primeira vez se celebrará en Vilagarcía, no Pazo O Castriño.