Meis agradece aos seus ‘Meisinos do Ano’ o seu labor a prol do concello

MEIS> Meis recuperou a súa Gala Mesinos do Ano. Unha edición na que volveron recoñecer a algúns dos seus veciños máis destacados.

As primeiras en recoller o seu galardón nesta edición foron as traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar. Un xeito do concello de agradecerlles o labor que fixeron durante a pandemia. Tamén o veciño Antonio Cores, que cedeu ao municipio o terreo no que están os petróglifos de Outeiro do Cribo. De xeito totalmente gratuíto.

Nos galardóns houbo tamén espazo para o deporte e a cultura. Eva López, futbolista, foi recoñecida pola súa traxectoria. Tamén tres escritores de Meis: Alberto Louzán, Seyla Domínguez e J.J.M. Veiga.

O sector do viño brillou con luz propia na Gala Mesinos do Ano. Desta volta, representado por dúas mulleres. O concello recoñeceu, dunha banda, a Dolores Calvo, natural de Meis e presidenta de Condes de Albarei dende hai oito anos. Da outra, a Marisol Bueno, cofundadora da adega Pazo Señoráns, que colabora estreitamente co concello, e expresidenta da Denominación de Orixe Rías Baixas.

Na presentación da gala a alcaldesa prometerá que habería sorpresas, e cumpriu a súa palabra. Todos os premiados sabían que este ano eran eles os escollidos… agás un. Tamén recolleu o seu premio a Meisino do Ano Manuel Muñoz, director da banda Abertura e un dos organizadores da gala.

Trala entrega de premios, Marta Giráldez quixo agradecer a todos o apoio que ofrecen ao concello para levar adiante os seus proxectos, así como a aposta que os galardoados fan por levar o nome de Meis alá onde van.

No marco da gala houbo numerosas actuacións musicais e de baile. Tamén se entregaron os premios aos gañadores do concurso de escaparates do Nadal do comercio local. Finalmente, Giráldez aproveitou para adiantar que este ano repetirase un formato de éxito que naceu recentemente pero que conta co apoio dos veciños e o sector: a feira Meus Viños.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí