Cantareiras e pandereteiras, protagonistas da romaría das Letras Galegas de Meis

MEIS> O Concello de Meis celebrará o Día das Letras Galegas cunha romaría. Vaise celebrar na Casa de Parga, cun especial protagonismo para as pandereteiras e cantareiras. A festa arrancará xa a media mañá, coa intención de que a veciñanza vaia alí pasar o día e comer de campo. As actuacións musicais iranse sucedendo ao longo de todo o día, con formacións locais. O peche da xornada virá da man das Lembranzas.

As Letras Galegas vanse vivir en Meis cun gran festexo popular. O concello organiza para o 17 de maio a segunda edición dunha romaría que busca ser un punto de encontro entre toda a veciñanza arredor da nosa literatura e o noso idioma. Este ano a cita é na Finca de Parga.

A romaría arrancará xa ás 11 e media da mañá. E aínda que haberá opción de mercar alí o xantar, a veciñanza poderase achegar con el dende a casa para comer de campo todos xuntos.

E por, suposto, a música local será a gran protagonista. Ás 13:00 actuarán as cantareiras de Madialeva. Xa pola tarde, a partir das 18:00 horas, será a quenda das Pandereteiras de San Lourenzo e o grupo folckórico O Trevo. O broche final virá da man das Lembranzas.

A programación inclúe tamén unha exposición dos traballos de varias asociacións de mulleres rurais do municipio. Tamén haberá xogos tradicionais, para que a rapazada goce tamén desta xornada festiva.