Meis celebra a sétima edición de MeusViños con quince adegas e volvendo apostar polo local

MEIS> Meis volverá converter o sector vitivinícola en protagonista. Os días 15, 16, 17 e 18 de outubro a Praza da España e a Casa Escudeiro acollerán unha nova edición de Meus Viños, as xornadas de autopromoción vitivinícola de Meis. A cita cumpre a súa sétima edición cunha programación que inclúe, ademais da feira nas casetas, actividades para profesionais e para todos os públicos. Este ano o pregón correrá a cargo de Carlos Carrión, presidente da adega Paco y Lola.

Un ano máis, e xa son sete, o concello de Meis celebrará as súas xornadas de autopromoción vitivinícola. Meus Viños desenvolverase do 15 ao 18 de outubro.

Na súa programación a cita volve apostar polo local. Haberá actividades para o público profesional pero tamén para o xeral. A programación arrancará o xoves 15 coa mesa redonda Pasado, presente e futuro da DO Rías Baixas. O venres 16 será a inauguración oficial da feira, na que este ano participan 15 adegas. O pregón lerase ás 8 e media da tarde e correrá a cargo do presidente de Paco y Lola, Carlos Carrión.

O sábado celebraranse dous showcookings. O primeiro estará dirixido polo chef Pablo López, con maridaxe a cargo da adega Viña Almirante. O segundo será ás sete da tarde, co Alex Laíño e o sumiller Alberto Abal. Ambos serán na Casa Escudeiro cunha entrada de 12 euros.

Xa o domingo celebrarase ao mediodía o concurso de cata amateur co sumiller Luis Aragunde. Será tamén na Casa Escudeiro cunha entrada de oito euros.

Para ambientar a programación, ao longo de toda a fin de semana haberá diferentes actuacións e concertos no epicentro da feira na Praza de España.