VILAGARCÍA> Cada vez hai máis e cada vez por sitios do máis variado. Falamos das pintandas en Vilagarcía, que se espallan imparables pola cidade. Fachadas, escaparates ou incluso sobre o mobiliario urbano: calquera superficie é do gusto dos graffiteiros para plasma-la súa obra. A veciñanza di estar farta desta conduta tendo en conta, ademais, o caro que sae limpalos.
Vilagarcía converteuse na cidade dos mil e un graffitis. Atopámolos polas paredes, polo mobiliario urbano, polos colectores do lixo e incluso sobre o noso patrimonio. As pintadas proliferan por todo o municipio en lugares do máis variado. Calquera superficie vale xa aos amantes do spray para plasma-la súa ‘obra’. Ante a cantidade de graffitis que proliferan por tódolos recunchos, os veciños dan a batalla por perdida, amosando a súa indignación.
A broma, dende logo, barata non sae. A retirada dun graffiti custa moitos cartos e non todo o mundo está disposto a corre-lo risco de borra-la para que lle volvan plasmar sobre o limpo un novo garabato. A súa retirada é aínda máis custosa, e indignante, enriba do patrimonio. Sobre a pedra, cómpre empregar métodos especiais para non danala.
Con todo, no medio destes actos considerados por moitos vandálicos, ás veces agroman debuxos do máis artístico. Unha posible solución a este problema pasaría, por exemplo, porque o concello habilitase zonas onde poder plasma-los graffitis.
A meirande parte destas pintadas son feitas de madrugada. Iso permítelle aos seus autores traballar con máis comodidade, esquivando o control da Policía Local. Un problema que, visto o visto, non parece que teña unha doada solución.