Os avogados de Ribeira opóñense ó traspaso das competencias de violencia de xénero a Santiago

RIBEIRA> A delegación do Colexio de avogados da Coruña no Partido Xudicial de Ribeira oponse ó traslado das competencias en materia de xénero a un xulgado específico en Santiago. Consideran que suporá un prexuízo para os profesionais e, especialmente, para as vítimas ante a perda de eficacia e rapidez na resolución dos casos.

Son moitos e moi variados os motivos para opoñerse á eliminación das competencias territoriaIs en materia de violencia de xénero que ostenta o xulgado de Ribeira. A pretensión de crear un xulgado específico en Santiago que absorbería o partido xudicial de Ribeira suporía un grave prexuízo para as vítimas, agravando aínda máis a súa situación de vulnerabilidade. Ademais de ter que desprazarase ata Santiago, tanto as vítimas como as testemuñas, o traslado de competencias suporía o colapso do novo xulgado que implicaría un retraso en tódolos procedementos.

Os letrados consideran que a decisión non se basea en criterios obxectivos posto que o partido xudicial de Ribeira conta cun sistema de protección integral das vítimas, unha xuíza especializada en violencia de xénero e unha altísima taxa de resolución de casos.

A decisión aínda está pendente de resolución por parte do Consello Xeral do Poder Xudicial polo que dende a delegación de avogados están tratando de implicar ós partidos políticos e á sociedade civil na súa demanda. Piden que Ribeira manteña as competencias territoriais co fin de manter na comarca un servizo público tan necesario.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí