PONTEVEDRA > Pontevedra aproba o novo contrato do lixo. Trátase do maior da historia do concello: son 225 millóns de euros para os vindeiros 21 anos, 10,7 millóns cada ano. Dende o goberno local aseguran que se trata dunha auténtica revolución que suporán un cambio de modelo na recollida e tratamento do lixo. A intención é formalizalo antes de finais de ano.
Luz verde do concello de Pontevedra ao novo contrato do lixo. Sae a licitación por un importe de 225 millóns de euros para os vindeiros 21 anos. 10,7 millóns de euros anuais.
Segundo o alcalde, deste xeito os residuos deixan de ser lixo e pasan a ser recursos. Ademais, permite anticiparse á nova Lei de Residuos do Estado.
A empresa que se faga co contrato terá que investir 23 millóns de euros inicialmente. Unha contía que chegará ata un total de 40 millóns durante os 21 anos de vixencia do contrato. Ademais de mercar novos materiais, a adxudicataria terá que construír unha planta de reciclaxe cun investimento de 10,3 millóns.
Outro dos requisitos do novo contrato é a ampliación da plantilla. Dos 106 traballadores actuais, pasarase aos 160. Tamén se creará un servizo para o control e supervisión da limpeza e recollida de lixo. Todo sen que se incremente a taxa á cidadanía.
O contrato contempla tamén a realización de campañas de sensibilización á cidadanía. A intención do concello de Pontevedra é adxudicar este contrato antes de finais deste ano.