Rueda anuncia a súa candidatura a presidir o PPdeG: ‘A quinta maioría comeza hoxe e aquí’

PONTEVEDRA> Confírmase o segredo a voces da política en Galicia. Alfonso Rueda presenta a súa candidatura a presidir o Partido Popular de Galicia. Esta tarde, fixo o anuncio en Pontevedra, na xunta directiva do PP da provincia que preside dende hai seis anos.

Deste xeito, Rueda postúlase de xeito oficial a substiuír a Alberto Núñez Feijóo como presidente dos populares galegos, trala súa marcha a liderar o Partido Popular a nivel do Estado.

Durante o seu discurso, o vicepresidente primeiro da Xunta comprometeuse a traballar para conseguir resultados para o partido nesta nova etapa. Ademais, fixo un chamamento á unidade e ao traballo.

Despois de 13 anos no goberno da Xunta de Galicia , Alfonso Rueda tamén puxo en valor a súa experiencia como membro do equipo de Alberto Núñez Feijóo. Para el só tivo palabras de agradecemento e apoio.

Rueda puxo tamén deberes aos afiliados do Partido Popular. Asegurou que o reto non é só manter os bos resultados. Senon, melloralos.

O prazo para presentar as candidaturas a presidir o PPdeG remata o vindeiro 28 de abril, aínda que todo apunta a que a de Rueda será a única. Tendo en conta, ademais, que ten o apoio dos baróns provinciais do PP. O partido celebrará o congreso os días 21 e 22 de maio en Pontevedra.