PONTEVEDRA> O Concello de Pontevedra inverterá máis dun millón de euros no saneamento das parroquias de Salcedo e Lourizán. Unha cifra que se suma aos case 7,5 millóns destinados ao abastecemento e saneamento de Bora.
Un millón 33 mil euros. Esa é a cantidade que o Concello de Pontevedra inverterá no saneamento das parroquias de Salcedo e Lourizán. Na primeira, o goberno municipal levará a cabo un proxecto de ampliación da rede valorado en 680 mil euros. Con el darase servizo a 52 casas do Xistro, A Almuíña, O Carballo do Pazo ou A Ruibal. O investimento por vivenda ascende a 13 mil euros.
A Xunta de Goberno local aprobou tamén esta mañá o proxecto da parroquia de Lourizán. Alí, o goberno municipal destinará 353 mil euros para a ampliación da rede, dando servizo a 14 domicilios. Este proxecto supón un investimento de máis de 25 mil euros por vivenda.
Estes dous proxectos súmanse aos que xa están rematados nas parroquias da Canicouva, Mourente, Ponte Sampaio e Bora. Xustamente nesta última, o goberno municipal comezou onte a executar as obras de abastecemento e saneamento valoradas en case 7,5 millóns de euros.