PDRA, confrarías e agrupacións de mexillón piden á xunta que protexa a ría e os postos de traballo

VILANOVA> A Plataforma en defensa da Ría de Arousa xunto con confradías e agrupacións de mexillón reclaman á Xunta de Galicia máis implicación para protexer a ría. Denuncian que a produción de marisco descendeu entre un 40 e un 50% nos últimos 20 anos, supoñendo unha perda de ingresos de máis de 10 millóns e euros. Piden á Xunta que se involucre con recursos económicos, humanos e tecnolóxicos para protexer a calidade da auga da ría.

A Ría de Arousa leva anos sufrindo numerosos problemas que acaban afectando a súa produción de marisco. Os problemas achácanse as condicións meteorolóxicas pero dende a plataforma en defensa da ría de arousa, as confrarías e as agrupacións de mexillón non están de acordo con este motivo. Os seus estudos sinalan que a pluviometría non variou en dúas décadas e que é necesario facer estudos para coñecer o motivo desta mortalidade.

As partes implicadas consideran que a mortalidade é culpa das verteduras que se producen na ría.

O descenso da produción varía segundo o marisco entre un 40 e un 55%, o que se traduce en perdas anuais para os mariñeiros de máis de 10 millóns de euros.

Para solucionar este problema, todos os involucrados presentan un comunicado conxunto para esixirlle á xunta que se involucre con medios económicos, tecnolóxicos e humanos para protexer a calidade da auga da ría de Arousa.

Todos os colectivos sinalan que os datos son públicos e que están recollidos nas oficinas de pesca de Galicia. Lembran á Xunta que neste asunto non hai cores políticas e que se está xogando co pan de moitas familias.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí