Carlos Baute e Efecto Pasillo, de concerto este domingo en Cambados

CAMBADOS> Carlos Baute e Efecto Pasillo actuarán este domingo na praza de Fefiñáns de Cambados. Eles son os cabezas de cartel dun evento polo que pasarán, en total, oito nomes destacados do panorama musical do momento. A cita é de balde, polo que se agarda unha afluencia multitudinaria. Ademais, o tempo parece que vai acompañar.

Oito son os nomes propios que lle dan forma ao cartel do ‘Dial al Sol’. O evento musical volve parar en Cambados, de novo, co patrocinio do Concello. Para o goberno local a cita ten unha gran repercusión na economía local, pola cantidade de xente que move.

Carlos Baute e Efecto Pasillo son os pratos fortes desta xira que só ten dúas paradas en Galicia: en Lugo e a de Cambados deste vindeiro domingo. Na organización salientan a variedade e calidade dos artistas que participan.

Dende o concello entenden que esta proposta complementa a programación musical do Albariño no Camiño e da Festa do Albariño. Por certo, dous concertos desta última cita viron hoxe incrementada a súa capacidade de público. Tanto Para Morad como para Beny Jr acaban de poñerse á venda 400 entradas máis. Unha decisión que o concello xa agardaba tomar.

Por certo que o concello está a traballar noutro concerto para este verán. Polo de agora só se sabe que se trata dun artista de renome internacional que, se todo vai ben, desvelarase en breve.