Pontevedra ‘non terá parada’ coa súas Festas de Verán

PONTEVEDRA> A programación festeira para o verán de Pontevedra prométenos que non haberá parada. Hai eventos tradicionais que recuperan os seus formatos habituais tras dous anos de covid19 e algúns que naceron coa pandemia pero que o concello decide manter. Propostas para todo tipo de públicos e gustos, que arrancan esta fin de semana co Surfing the Lérez e se prolongan ata os días 2 e 3 de setembro coa Feira Franca.

Entre os meses de xullo e agosto Pontevedra bulirá de programación cultural. A cidade recupera a normalidade nas súas Festas de Verán.

A programación comeza esta mesma fin de semana co festival Surfing the Lérez. Seguiralle a mostra internacional de cine LGBTIQA+ de Pontevedra, Ambienta 2022, que será entre o 27 de xuño e o 1 de xullo na Praza da Pedreira. Ademais, citas como o ciclo Música de Bandas, a romaría de San Bieito ou o Festival Internacional de Jazz, recuperan o seu formato habitual.

Este ano consolídanse tamén algunhas citas que naceron durante os anos de pandemia e que o concello decidiu manter.

O Festival de Cámara Cidade de Pontevedra os días 2 e 3 de xullo, o Animatrón do 5 ao 8, a Festa dos Libros, que se celebrará entre os días 8 e 10, o Memorial Ricardo Portela entre o 15 e o 17 ou as Festas de Santiaguiño, son outras das actividades incluídas na programación.

O Festixeve, os ciclos Cinema e Estrelas e Trebellando na Alameda, o Senda Festival 2022 ou a Festa do Demo, tamén están incluídas nestas Festas de Verán de Pontevedra, que rematarán os días 2 e 3 de setembro coa Feira Franca. En canto ás Festas da Peregrina, entre os días 13 e 21 de agosto, o concello presentará proximamente a programación para a semana grande da cidade.