As obras do novo centro de saúde pobrense iniciaranse no 2016

POBRA> O alcalde, Isaac Maceiras, visitou a finca na que se construirá o futuro dispensario acompañado do seu propietario, Luís Losada, quen decidiu cederlle ó concello, de xeito desinteresado, uns 2.600 metros cadrados de terreo. Nesta parcela situada na rúa Rafael Dieste, a carón do cemiterio municipal do Caramiñal, en pleno casco urbano, construirase o futuro centro de saúde da localidade. O novo dispensario está incluído no programa de investimentos en infraestruturas da consellería de Sanidade e podería iniciarse xa o longo do vindeiro ano 2016. trátase dunha vella demanda do equipo de goberno que preside Isaac Maceiras e que finalmente poderá materializarse. Dende o concello pobrense quixeron agradecerlle á familia Losada Fernández, propietaria da finca na que se construirá o futuro centro de saúde, a cesión desinteresada dos terreos, e o xesto realizado en beneficio de tódolos veciños do municipio. Luís Losada, en nome da familia, destacou tamén a importancia desta actuación, motivo polo cal decidiron colaborar coa cesión de máis de 2.600 metros cadrados de terreo necesarios para construír o novo centro de saúde. Segundo el foi froito dunhas negociacións moi fluídas, e que chegaron a bo fin tamén pola forte vinculación da familia con este municipio.