Deputación de Pontevedra e concello acordan o financiamento de cinco actuacións por 2,5 millóns de euros

PONTEVEDRA> Cinco actuacións por valor de 2,5 millóns de euros. É o investimento que a Deputación de Pontevedra realizará no concello capitalino este 2024. A contía iguala así á destinada en anos anteriores, permitindo levar adiante proxectos escollidos polo goberno local. O de maior contía acadará o 1,4 millóns de euros e permitirá mudar a LED o alumeado público do barrio do Burgo e da parroquia de Lérez.

En roldas de prensa separadas e con tan só media hora de diferenza, o alcalde de Pontevedra, primeiro, e o vicepresidente da Deputación despois, anunciaron os proxectos que financiará a administración provincial na cidade.

Serán cinco actuacións que acadarán os 2,5 millóns de euros. A de maior contía, 1,4 millóns, contempla o cambio a LED do alumeado público no barrio do Burgo e na parroquia de Lérez. Outros 400.000 permitirá a construción da nova nave de piragüismo no peirao das Corbaceiras, destinada á Escola de Piragüismo Ciudad de Pontevedra. Para o futuro parque da Parda, destinaranse 400.000 euros.

Completan a contía de 2,5 millóns de euros os 200.000 para o acondicionamento da pasarela do tren, que xa tiña 500.000 concedidos do ano pasado, e outros 100.000 para completar a reforma da Casa Consistorial.

Agora será o concello quen teña que enviar á Deputación as súas propostas de convenio para cada unha destas actuacións.

Ademais destas novas actuacións, levaranse adiante os proxectos comprometidos en anos anteriores pero que aínda están pendentes. É o caso, por exemplo, do vial de Mollavao, cunha achega dun millón de euros, ou do campo de fútbol de Salcedo, que acada o millón e medio.