PONTEVEDRA> Os veciños do barrio de Fonte Santa volven denunciar o abandono do concello de Pontevedra. Esta mañá levaron a súa protesta ao pleno municipal, no que se debatía unha moción sobre o barrio levada polo Partido Popular. Falta de limpeza e de mantemento das zonas verdes e o mal estado dos equipamentos, centralizan algunhas das súas reclamacións.
Levan anos reclamando pero aseguran que seguen a estar abandonados polo concello de Pontevedra. Os veciños do barrio de Fonte Santa están fartos.
Falta de limpeza e de mantemento de zonas verdes ou o mal estado dalgúns equipamentos, son algunhas das cuestións que centran as súas protestas. Un exemplo desta situación, son as pistas de tenis e de pádel que hai no barrio, completamente estragadas.
Preocupa tamén especialmente o mal estado dunha parcela situada na zona, pertencente a Adif. A vexetación está completamente descontrolada e os veciños aseguran que están a proliferar as ratas.
Hoxe levaron o seu enfado ata o pleno municipal. Alí a corporación debateu unha moción sobre o barrio a iniciativa do Partido Popular.
A moción do Partido Popular foi aprobada por unanimidade tras introducir pequenas emendas a petición do goberno local. Segundo o acordado, o executivo comprometeuse a implementar medidas de mellora e mantemento en Fonte Santa.