As rúas de Rianxo énchense de xoldra co Feirón Mariñeiro

RIANXO> En Rianxo seguen a celebrarse as Festas da Guadalupe. Hoxe xoves a localidade acolleu o tradicional Feirón Mariñeiro, que transformou o casco antigo da vila no Rianxo mariñeiro de principios do século XX.

Co paso dos anos converteuse nunha das citas máis agardadas das festas. A feira logrou reunir a centos de persoas, tanto veciños coma visitantes, que percorrían as rúas entre artesáns, artistas e moita música.

Pero ademais dos numerosos postos nos que se ofertaban todo tipo de produtos artesanais, o feirón acolleu tamén diversas actuacións musicais e espectáculos, que animaron máis se cabe o xa de por si ambiente festeiro.

Mañá as Festas da Guadalupe chegarán ó seu remate. O broche final será, como é costume, a tradicional cantata da Rianxeira, a partir das dúas da madrugada, na Praza Castelao.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí