Convocan o pleno ordinario da Mancomunidade o mesmo día no que o PSOE ía solicitalo por rexistro

O SALNÉS> O novo presidente da Mancomunidade do Salnés convoca o seu primeiro pleno ordinario para o venres da semana que vén. Malia ter tomado posesión no mes de xaneiro, e as sesións ordinarias ter que celebrarse cada dous meses, ata o de agora aínda non se fixera ningunha. O anuncio desta convocatoria produciuse esta mañá, apenas unha hora despois de que o PSOE anunciase que ían presentar por rexistro unha solicitude de convocatoria. Os socialistas denuncian que o PP ten ‘secuestrado’ o organismo comarcal. Advirten, ademais, de que está ao borde da fractura.

As 11:00 horas desta mañá, os socialistas anunciaban que ían presentar no rexistro da Mancomunidade do Salnés unha solicitude instando ao presidente comarcal a convocar dunha vez un pleno ordinario. Unha hora despois, contra as 12:00 horas, era o propio presidente o que remitía aos membros do organismo comarcal esa convocatoria coa orde do día. Para os socialistas, é manobra sospeitosa.

Os socialistas din que este pleno chega tarde, como as outras dúas sesións ordinarias que se terían que ter celebrado cada dous meses dende que David Castro é presidente e que nunca se chegaron a producir. Ironizan co argumento esgrimido na convocatoria da sesión do venres que vén, na que a presidencia alega que o retraso se debe á campaña das eleccións europeas.

Entenden que o PP decidiu atrasar este pleno para despois destes comicios por algúns dos puntos que se van tratar nel, como o nomeamento de Sabela Fole como vicecepresidenta, sendo líder da oposición en Cambados, ou a aprobación do soldo de Jose Manuel Aspérez, de Meaño Independiente, que percibirá algo máis de 26.000 euros por unha dedicación parcial como delegado de turismo.

Os socialistas din que o PP ten a Mancomunidade ‘absolutamente secuestrada’, sen que o novo presidente se someta ao control do Pleno e sen tenderlle a man aos concellos gobernados pola esquerda, logo -din- de ter rachado o consenso trala moción de censura. Advirten que o organismo está hoxe máis preto da ruptura.

Ademais, van propoñer unha modificación dos estatutos da Mancomunidade para establecer unha presidencia rotatoria, dado o carácter voluntario do ente. Recoñecen agora que foi un erro non ter posto sobre a mesa esa reforma no tempo no que eles estiveron no poder.