A debate o futuro do rural no foro sobre incendios promovido pola Deputación da Coruña

BARBANZA> A Deputación da Coruña organizou un foro sobre incendios forestais. Destacados poñentes expuxeron os principais retos do medio rural que pasan por mellorar a xestión do territorio e incentivar a actividade económica para asentar poboación.

O progresivo abandono do rural traduciuse nun medio mal xestionado que, en moitos casos, é pasto das lapas. Para reverter esta tendencia os expertos apostan por incentivar a actividade económica nos montes como fórmula para asentar poboación e manter un rural vivo e produtivo. Sobre este e outros temas debateron os participantes no foro ‘A Secuela dos Incendios Forestais’ organizado pola Deputación da Coruña. O seu presidente foi o encargado de abrir o acto avogando por políticas públicas que favorezan a implantación de empresas no rural.

Tamén tomou a palabra a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) Inés Santé, quen apuntou os avances que está a supoñer a Lei de Recuperación de Tera Agraria de Galicia que, un ano despois da súa entrada en vigor, mobilizou máis de 9300 hectáreas.

As dificultades para manter o monte limpo ante o gran número de leiras sen propietario coñecido ou a importancia de garantir o relevo xeracional no sector agrogandeiro foron outros dos temas que se abordaron neste foro que contou coa colaboración de Next Education e a European Climate Fundation.