A Deputación amplía o PEL Autónomos cunha nova liña de axudas

BARBANZA> A Deputación da Coruña vén de convocar a liña de axudas para autónomos con máis de 5 anos de actividade e residencia fiscal en municipios de menos de dez mil habitantes. Complementa así o PEL-Autónomos que este ano xa beneficiou a máis de mil profesionais que levan menos de cinco anos en activo.

A nova liña de axudas convocada pola Deputación da Coruña vai dirixida a autónomos con máis de cinco anos na actividade e residencia fiscal en municipios coruñeses de menos de 10.000 habitantes.

As subvencións van destinadas a cubrir parte das cotas de autónomos que non dispoñan de bonificacións ou reducións nos pagos da Seguridade Social. Poderán poderán solicitar un apoio mínimo de mil douscentos euros, correspondentes a seis meses de cotas, e un máximo dous mil catrocentos por toda a anualidade.

Esta nova liña complementa ao programa PEL-Autónomos, que este ano xa concedeu axudas por importe doutros 2,3 millóns de euros a un total de 1.106 profesionais autónomos da provincia con menos de cinco anos de actividade e sede social nun concello de menos de 20.000 habitantes.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso subiñou a importancia clave dos autónomos na economía e na creación de emprego en Galicia, un colectivo ao que pertencen máis de 205.000 persoas na nosa comunidade.

O presidente incidiu tamén en que as axudas van destinadas ós profesionais que exercen nos concellos de menor tamaño da provincia, co obxectivo de favorecer o emprego e contribuír á fixación de poboación no rural.