RIBEIRA> A flota do arrastre fíxose oír onte en Ribeira nunha concentración convocada polo sindicato europeo de pesca en contra ás políticas que vetan a pesca de fondo. Numerosas persoas concentráronse na lonxa ó berro de ‘Sen o mar morremos’
Por mar e terra Ribeira berrou contra as políticas pesqueiras da Unión Europea que están levando á flota do arrastre a esmorecer. O veto contra a pesca de fondo, que agora pretenden estender a máis dun cento de caladoiros, non ten en conta os criterios socioeconómicos posto que esta actividade supón un piar clave para a economía galega. Tampouco recoñecen dende Europa o grande esforzo realizado pola flota que se reduciu ata quedar unicamente medio cento de barcos en Galicia contribuíndo á recuperación do stock nos caladoiros.
A concentración de Ribeira foi unha máis das celebradas noutros puntos de España e doutros países europeos afectados. Aínda que o caso de Galicia é especialmente grave pola gran dependencia económica da pesca a tódolos niveis. Inciden tamén na desigualdade de condicións que supón o cumprimento destas medidas con respecto ás flotas extracomunitarias que non deben atender a estas obrigas.
Son conscientes da necesidade de atender a criterios medioambientais pero non a costa de facer desaparecer unha das flotas das que dependen directa e indirectamente numerosos sectores da nosa economía.