Récord de participación na segunda edición do Trail de Outes

OUTES> Uns 389 participantes, sumando os dous trails, o longo e o curto, e máis a andaina, participaban este domingo na segunda edición do Trail de Outes, correspondente tamén coa segunda proba do circuíto Revolutrion Trail Series de Arousa NeO.

Cun cambio de trazado respecto á primeira edición, con saída dende o entorno de Pontenafonso, os corredores iniciaban a proba ás dez e media da mañá. Por diante enfrontábanse a dúas distancias, unha curta de 15 quilómetros e outra longa de 21.

A vitoria na primeira delas foi para Eloy González, en categoría masculina, e Inés Ramos, na categoría feminina, mentres que no trazado longo o trunfo foi para Chema Quintián e Mary Pombo, respectivamente.

Dende a organización da proba destacaron o alto número de participantes, superior ó da primeira edición, que se vira limitada polas restricións propias da pandemia.

Non houbo incidentes de consideración agás dos habituais neste tipo de probas deportivas. dende Arousa NeO quixeron agradecer a colaboración do Club Atletismo Outes, que aportou voluntarios e axudou no deseño dos percorridos, así como tamén ó propio Concello, que un ano máis tivo a ben formar parte do circuíto Revolutrion Trail Series.

A próxima cita no calendario será o 21 de maio coa disputa do Xtsín Trail. Será a derradeira das probas, na que se coñecerán ós gañadores xerais do circuíto.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí