Luz verde da Deputación á ampliación do vial de acceso ó novo polígono de Ribeira

RIBEIRA> O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, mantivo un encontro con representantes da xunta directiva da Asociación de Empresarios de Ribeira na que lle anunciou a intención do organismo provincial de dar inicio ós trámites para a redacción do proxecto de ampliación e mellora da estrada provincial DP-7310, que servirá de enlace da autovía do Barbanza con ovo parque empresarial proxectado para a zona de Pedras Vermellas, no límite dos concellos de Ribeira e Pobra do Caramiñal.

O propio González Formoso trasladoulle ós directivos da patronal ribeirense que só resta acometer a modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal por parte do Concello para iniciar xa o proceso de expropiación.

Dende a patronal ribeirense agradeceron este anuncio que permitirá mellorar a principal vía de acceso ó novo polígono.

A Deputación da Coruña conta cun orzamento duns 900 mil euros para acometer esta obra.

A actuación contempla a ampliación do vial ata os oito metros dende o seu punto inicial ata o enlace coa autovía, coa construción tamén de dúas rotondas para facilitar o tránsito de vehículos, especialmente camións que se dirixen ó novo parque empresarial.