Severo correctivo ó Cortegada no seu debut na fase

SALNÉS> Deu comezo a fase de ascenso á Liga Femenina. As cousas non puideron comezar peor para o Cortegada que caeu con estrépito ante o Coelbi Bembibre por 74 a 46. As vilagarciáns nunca tiveron opcións de levarse o choque ante un rival que comezou arrasando dende o primeiro minuto.

A saída das de Pepe Vázquez non puido ser peor. En apenas tres minutos encaixaron un parcial de 11-2 que fixo pedir un tempo morto ó técnico santiagués. Lonxe de mellorar, as cousas empeoraron. A base Cristina López, foise ata os 11 puntos e convertíuse nun auténtico pesadelo para as xogadoras vilagarciáns, dirixindo ó seu equipo ata o final de cuarto ó que se chegou con 29-11.

A sangría parou no incio do segundo cuarto, as de Pepe Vázquez subiron o ritmo en defensa e fixeron que o seu rival non anotara durante catro minutos. Puxéronse 30-20. Xusto despois, mediado o segundo cuarto, marchouse a luz no pavillón e o xogo estivo detido durante uns 20 minutos, cando mellor estaba o Cortegada. O parón non favoreceu ás vilagarciáns e sí ó Bembire que á volta comezou a acertar tamén dende a liña de tres puntos para marcharse ó descanso 21 puntos arriba 47-26 e practicamente sentenciar o encontro. Ata entón Aitana Cuevas con 8 puntos fora a mellor do Cortegada pese a ter enfronte a Jetaime Brown, que fíxose dona do xogo baixo aros cun total de 9 rebotes no primeiro tempo; iríase ata os 14 ó remate do partido.

O segundo tempo practicamente sobrou porque o partido estaba decidido. O único que estaba en xogo era o basketaverage, moi importante neste tipo de fases. O Bembibre chegou a ir mandando por 33 puntos e a diferencia quedaríase finalmente en 28, co 74 a 46 final. Amy Syll, con 15 puntos e 10 rebotes foi a mellor do Cortegada no apartado estadístico, se ben os seus números mellorounos cando o encontro estaba decidido. Do lado do Bembibre ata cinco xogadoras asinaron dobre figuras.

No último ascenso, hai dous anos, o Cortegada tamén perdeu o primeiro partido, polo que as opcións mantéñense intactas. O seguinte envite será mañá á mesma hora, as 10:45, ante o Casablanca de Zaragoza.

Redacción Salnés