Trinta artesás reclaman o seu espazo en Pontevedra na feira ‘ProdutorAs, en feminino’

PONTEVEDRA> Pontevedra estrea esta fin de semana nova cita coa artesanía. Dende hoxe pode visitarse a primeira edición de ‘ProdutorAs en Feminino’, unha feira de produtos artesanais e de alimentación elaborados por mulleres. Ademais dos 30 stands, na carpa da praza do Concello haberá charlas, actividades e showcookings.

Enfundadas nos tradicionais mandís de cadros, as mulleres artesás de Galicia reclaman dende a Praza do Concello de Pontevedra o seu espazo. Esta fin de semana celébrase a primeira edición de ‘ProdutorAs, en Feminino’.

A cita enmárcase na programación do 8M. Baixo a carpa agrúpanse ata 30 stands capitaneados por mulleres que elaboran os seus produtos de artesanía e alimentación.

A oferta é ben variada. Os que prefiran botar un ollo á banda da gastronomía poden atopar, por exemplo, a proposta que fan dende ‘Contrabando da ría’. Conservas e patés con selo muradán.

Do mar podemos pasar á terra sen saír da carpa. Dende Sanxenxo chega a marca ‘Mar e Monte’ que aposta polos cogomelos frescos e en conserva para elaborar o seu produto.

Tamén hai propostas para os amantes do doce. Por exemplo, as mameladas A Morena. Con sabores diferentes ás que normalmente ofrecen as producións industriais.

Da banda da artesanía, a oferta non é menor. Hai alpargatas, bixutería ou xabróns e pomadas naturais. Tamén artigos en la e papel ou pezas de alfarería.

Pero durante toda a fin de semana a feira ‘ProdutorAs’ ofrecerá moito máis que a posibilidades de mercar estes produtos. Haberá charlas, showcookings, sesión vermú con Señora DJ e obradoiros para pequenos e maiores.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí