PONTEVEDRA> Portos de Galicia agarda o visto bo do Ministerio para a Transición Ecolóxica para desbloquear a dragaxe do río Lérez. O ente autonómico enviou ao Goberno central as súas propostas sobre posibles localizacións para a vertedura dos áridos que resultarían da operación. A do Lérez non é a única pero si a máis ambiciosa das dragaxes que están pendentes en Galicia.
O Goberno do Estado xa ten sobre a mesa a proposta de Portos de Galicia para avanzar nas dragaxes da ría de Pontevedra. O ente autonómico trasladou ao Centro de Estudos e Experimentación de Obras Públicas a súa proposta sobre posibles localizacións para a vertedura dos áridos que resultarían da operación.
Unha vez enviada a documentación, o CEDEX, dependente do Ministerio de Transportes, elaborará o estudo de alternativas de punto de vertedura e trasladarallo ao Ministerio de Transición Ecolóxica para a súa aprobación.
Se algún dos puntos no Atlántico propostos consegue o visto bo do Ministerio, desbloquearíanse as dragaxes pendentes do litoral sur da comunidade, dende Muros ata A Guarda, incluíndo a do Lérez. Precisamente, o do río pontevedrés é o proxecto máis ambicioso de Portos en Galicia. No momento da paralización, a tramitación administrativa estaba xa practicamente concluída.
Deste xeito a Xunta de Galicia avanza no desbloqueo das obras de recuperación de calado nos portos da área sur. Recordemos que no 2021 o Goberno central deixou de informar favorablemente as verteduras na zona exterior de Sálvora, punto que viña estando operativo nas últimas décadas. Unha decisión que derivou das queixas do sector pesqueiro da ría de Arousa, que advertía de posibles efectos negativos.











