O arquitecto Carlos Seoane realizará o deseño da reforma do edificio do concello de Ribeira

RIBEIRA> Ribeira vén de adxudicar ó arquitecto Carlos Seoane o contrato para a redacción dos proxectos para a reforma da actual casa consistorial. Será por un importe total de 282 mil euros.

Estarán distribuídos en dous apartados. O primeiro deles incluirá as actuacións sobre a envolvente exterior, que se levaría a maior parte do presuposto, uns 200 mil euros. Mentres que o segundo apartado cinguiríase á reforma interior das instalacións.

A actuación, incluída no Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos convocado polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, conta cunha axuda de 2’8 millóns de euros procedentes de fondos europeos Next Generation.

Fontes municipais informaron de que a mellora permitiralle a Ribeira poder contar co primeiro consistorio ecoeficiente de Galicia, a través da colocación de fachada de dobre pel, cuberta vexetal con paneis solares e alxibe para utilización da auga de chuvia, entre outros elementos sustentables.

A actuación contribuirá tamén a resolver as carencias de espazo para o persoal, a través da remodelación do primeiro e segundo andar, e máis a planta semisoto, ocupada actualmente polo GAEM e a agrupación de Protección Civil.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí