Mecos gaña en Boiro e Cabo de Cruz perde o liderato

traias250_060709.jpgSALNÉS> Esta fin de semana disputáronse dúas bandeiras de traiñas. A primeira o sábado en Cangas con victoria para Náutico de Vigo. Onte en Boiro impoñíase Mecos polo que os grovenses continúan situados preto dos postos de cabeza.

Volveron as traiñas tralo parón de quince días propiciado pola celebración do Campionato de España de banco móvil. Tralas bandeiras de Cangas e Boiro, xa son catro as regatas disputadas, nas que se puido constatar a igualdade que existe na competición.

De tódolos xeitos, o sábado na Ría de Vigo houbo unha embarcación que foi moi superior ó resto. Náutico de Vigo venceu con absoluta solvencia aventaxando en 34 segundos á segunda clasificada, que foi Chapela. Por detrás, entraron con escaso marxe de diferencia Perillo, Cabo de Cruz e Mecos, con Vilaxoán en sexta posición. O resultado colocaba a Náutico de Vigo primeira na xeral e relegaba a Cabo á terceira praza.

Pero o domingo en Boiro as cousas foron ben distintas. A única que se mantivo nos seus números foi Chapela, que volveu a ser segunda, desta volta tras perder nun man a man de infarto ante Mecos, por tan só 35 centésimas. Os grovenses amosaron que tamén poden gañar bandeiras e reengancháronse á pelexa pola xeral. Agora son cuartos a nove do líder que precisamente é Chapela.

Entre medias, a dous e tres puntos dos redondelanos quedan Cabo de Cruz e Náutico de Vigo. Os boirenses foron terceiros diante da súa afección mentres que os vigueses pagaron o esforzo do sábado para acabar caendo ata a sexta praza. De destacar foi a actuación de Amegrove, que demostrou que, de non ter sido pola descalificación de Muros, estaría cos de arriba. Rematou quinta en Boiro e xa é sexta da xeral.

Ademais, tamén en Boiro deuse o pistoletazo de saída á competición en categoría femenina. O Club Rías Baixas impúxose ás outras dúas embarcacións participantes.

Redacción Salnés