Amencer xa ten a súa residencia en Pontevedra

PONTEVEDRA> A residencia do Centro Sur, en Pontevedra, xa está en mans de Amencer. Hoxe celebrouse o acto de inauguración e posterior entrega das instalacións por parte do concello a esta asociación de persoas con parálise cerebral. A obra supuxo un cambio total do centro e contou cun orzamento de 1,5 millóns de euros.

Alegría, emoción e sobre todo moita ilusión vivíronse no acto celebrado este mediodía. A residencia do Centro Sur de Pontevedra xa está, por fin, en mans de Amencer.

As instalacións ocupan a segunda e terceira planta deste centro, antiga residencia da ONCE. E están chamadas a cubrir unha importante necesidade. Ofrecer prazas ás persoas con parálise cerebral que non teñan familia ou ás que estas non lles poidan dar os coidados que precisan.

O investimento de reforma da residencia superou o 1,5 millóns de euros. Foi financiado nunha parte con Fondos europeos FEDER, concedidos á Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible, e doutra banda con fondos municipais.

A residencia ofrecerá unha trintena de prazas. Amencer xa traballa coa Xunta de Galicia para establecer un acordo que permita concertar varias delas para as familias con menos recursos.