O funcionariado do concello de Pontevedra denuncia falta de persoal e sobrecarga de traballo e non desbotan recorrer á folga

PONTEVEDRA> O conflito aberto entre o goberno local de Pontevedra e os traballadores do concello podería rematar en folga. A xunta de persoal asegurou hoxe que non desbotan recorrer a esta convocatoria para forzar unha solución ao actual conflito laboral: aseguran que hai un importante déficit de persoal, que teñen sobrecarga de traballo e que non hai diálogo co goberno local.

Falta de persoal en practicamente todos os servizos e dunha regulación laboral actualizada e ausencia de diálogo. Estes son, segundo a Xunta de Persoal do concello de Pontevedra, os problemas que están na base do conflito laboral aberto entre o goberno local e o persoal municipal.

Os seis sindicatos que representan aos traballadores do concello reclaman que se retome o acordo que acadaran na mesa de negociación co anterior concelleiro de persoal, Vicente Lejísima. Un documento que no 2020 Carme Fouces, actual responsable da área, desbotou.

Aseguran, ademais, que os problemas non son económicos. Os sindicatos denuncian que case todas as áreas teñen un déficit de persoal que rolda o 25% e que en moitos casos esta situación se aproveita para privatizar servizos.

Ante esta situación, insisten en reclamar unha reunión co alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores. Ademais, aseguran que continuarán coas mobilizacións como xa fixeran no pleno municipal da semana pasada e non desbotan chegar á convocatoria de folga.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí