As obras de reforma de Rosalía de Castro e a do novo vial de Mollavao, a licitación conxunta

Pontevedra

O edil de Infraestruturas, César Mosquera, explica que se trata dunha decisión «operativa» coa que pretende acurtar os prazos  e recuperar o tempo perdido, para que a veciñanza pontevedresa poida ver reformada esta zona canto antes.

«Por motivos administrativos as dúas actuacións foron divididas en dous proxectos distintos», lembrou Mosquera. «Como é sabido, a reforma de Rosalía de Castro non podía ser realizada sen a construción con antelación do novo vial de Mollavao, xa que a rúa pasará a ser de dirección única cun carril».

Unha vez resolta a parálise administrativa do vial de Mollavao por parte do Estado, o concelleiro de Infraestruturas explicou que xa foi encargada a actualización de prezos deste proxecto para evitar que quede deserto o futuro concurso, e tamén o da obra de Rosalía de Castro e estaría iniciado o trámite de contratación do proxecto de axardinamento da
parcela de Mollavao, coñecida como a parcela dos circos.

Mosquera quixo destacar que o Concello de Pontevedra ten a intención de licitar conxuntamente a creación do novo vial e a reforma da rúa Rosalía de Castro.

«Por que?, Porque de non facelo así habería que facelo de xeito secuencial, primeiro un e logo outro e xa tivemos, por motivos alleos ao Concello, bastantes atrasos nestas actuacións.

Deste xeito, o concelleiro explicou que a licitación conxunta responde a unha decisión
«operativa», tanto a nivel administrativo como a nivel de execución á hora de xestionar mellor a mobilidade e a coordinación nas actuacións necesarias, «evitando choques entre empresas á hora de poñer en marcha plans de obras».