Núñez Feijóo chama aos seus a unha campaña que ‘non moleste’ e que destaque o que une aos galegos

PONTEVEDRA> Tamén comezou a súa campaña en Pontevedra o Partido Popular. Onte, o presidente do partido en Galicia participou da Xunta Directiva Provincial da formación. Nunha sala ateigada de simpatizantes, Alberto Núñez Feijóo trasladou aos seus as claves para desenvolver esta campaña. A súa intención é non molestar á xente e poñer en valor o que une ás persoas.

O Partido Popular exhibiu onte músculo en Pontevedra. Alberto Núñez Feijóo reafirmou o seu poder de convocatoria, enchendo a sala onde se celebrou a Xunta Directiva Provincial da formación. O presidente galego trasladou aos seus unha das claves desta campaña: non molestar.

Unha vez máis, Núñez Feijóo presentou o proxecto popular como o único garante da estabilidade e da unión. Falou de fuxir do enfrontamento, e de presentar unha opción que una á maioría dos galegos.

O presidente dos populares tamén destacou o peso que, asegurou, terá Galicia durante a súa campaña. Para Alberto Núñez Feijóo, a poboación galega e os seus intereses deben estar por riba do Partido Popular.

En canto aos posibles pactos con Ciudadanos, Núñez Feijóo non pechou a porta a atopar puntos de encontro. Si manifestou a súa preferencia a falar cos líderes galegos, en lugar de tratar as condicións coa dirección de Madrid. Tamén sinalou que o obxectivo desta posible unión debe ser blidar un goberno que non dependa de nacionalistas, das distintas Mareas ou de independentistas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí