PONTEVEDRA> A Deputación de Pontevedra reivindica o papel das mulleres en todos os eidos. Faino a través do proxecto ‘365 días, 365 mulleres’, polo que a institución divulga a diario a través das súas redes sociais a figura dunha muller histórica ou actual que destacou no seu campo profesional. Agora esta iniciativa colleu forma de libro. Unha publicación que a Deputación distribuirá para apoiar a visibilización feminina.
En marzo do 2021, a Deputación de Pontevedra poñía en marcha ‘365 días, 365 mulleres’ un proxecto polo que de xeito diario a institución divulgaba nas súas redes sociais a figura de mulleres históricas ou actuais que destacan no seu campo profesional.
A iniciativa ve agora a luz en forma de libro. Como unha ferramenta para loitar contra a invisibilización das mulleres referentes nos libros de texto e da ausencia de expertas en congresos ou charlas.
Silva destacou que nos libros de texto as mulleres só están representadas nun 7%. De aí que a Deputación vaia enviar ‘365 días, 365 mulleres’ a centros de ensino e clubs de lectura da provincia, pero tamén a medios de comunicación e ás áreas de Igualdade das comunidades autónomas e do Goberno Central.
A intención da Deputación é editar un libro cada mes de marzo. De feito, o 9 de marzo de 2023 comezará a terceira edición do proxecto.