CC.OO propón adscribir ENCE ao Porto de Marín para evitar o peche se o Supremo confirma a ilegalidade da prórroga

PONTEVEDRA> A sentenza da Audiencia Nacional que anula a prórroga concedida a ENCE non é firme. Neste aspecto insistiu hoxe Comisións Obreiras. O sindicato non dá por perdida a batalla xudicial que agora se traslada ao Tribunal Supremo cos recursos das partes afectadas. Tamén puxeron sobre a mesa unha posible solución xurídica para que a pasteira continúe en Lourizán, que pasaría por adscribila á Autoridade Portuaria de Marín.

A anulación da prórroga concedida a ENCE polo goberno de Mariano Rajoy non é firme. Nesta mensaxe insistiu esta mañá Comisións Obreiras. O sindicato recorda que a sentenza da Audiencia Nacional está recorrida no Tribunal Supremo.

E incluso dende o sindicato defenden que se o Tribunal confirma a ilegalidade da prórroga, habería instrumentos xurídicos para evitar a marcha de ENCE, como adscribir a empresa á Autoridade Portuaria de Marín.

Esta opción foi descartada polo Goberno Central na mesa de diálogo.

Pedrosa acusou tamén ao BNG de criminalizar aos traballadores, e criticou as últimas declaracións do voceiro do Partido Popular de Pontevedra, que asegurou que a prórroga non estivo ben feita.

Comisións Obreiras fixo tamén un chamamento á cidadanía para que apoien as vindeiras mobilizacións que convoquen dende os comités de empresa dos traballadores, convencidos do peso que a presión social pode ter na decisión do Tribunal Supremo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí