PONTEVEDRA> Luis López xa é o novo presidente da Deputación de Pontevedra. Esta mañá, o coñecido como ‘Lugués’ collía o bastón de mando que devolve o goberno provincial a mans do Partido Popular. No seu discurso de investidura, López asegurou que abrirá unha nova etapa con políticas distintas, centrándose, asegurou, nos concellos.
A Banda de Gaitas da Provincia de Pontevedra despregada por toda a escalina do Pazo Provincial xa daba a entender que hoxe era un día importante na Deputación pontevedresa.
300 persoas estaban acreditadas para seguir dende o salón de plenos a constitución da nova corporación provincial. Os 27 deputados pasaron polo atril para xurar ou prometer o seu novo cargo.
Despois chegou o momento de votar ao novo presidente provincial. Só o Partido Popular presentou candidato, Luis López. Os votos dos 14 deputados do PP, maioría absoluta, foron suficientes para que levantara o bastón de mando.
López sinalou no seu discurso que a súa intención é visitar todos os concellos da provincia nos seis primeiros meses de mandato.
O xa presidente da Deputación de Pontevedra recoñeceu tamén o traballo do goberno saínte. Luis López tendeu a man a Partido Socialista e BNG.
A igualdade entre ohomes e mulleres, o coidado do medio ambiente, reverter o envellecemento poboacional, o asentamento de empresas, recuperar o apoio a colectivos e entidades ou potenciar a cultura e lingua galegas, son algúns dos retos que López asumiu no seu discurso.
Nin PSdeG nin BNG presentaron candidatos
Como diciamos, nin Partido Socialista nin BNG presentaron candidato na sesión deste mediodía. O socialista Carlos López Font aproveitou a súa quenda de palabra para facer un balance dos oito anos de goberno liderado por Carmela Silva. O nacionalista César Mosquera, moito máis breve, limitouse a ofrecer a súa colaboración ano novo presidente.
Rueda asegura que se abre unha etapa de colaboración entre Xunta e Deputación
Entre os 300 asistentes a esta toma de posesión, estaba o presidente da Xunta de Galicia e líder do Partido Popular galego. Tralo acto, Alfonso Rueda declarou estar convencido de que se abre unha etapa de colaboración entre as administracións autonómica e provincial.